mércores, 17 de xuño de 2026

 Remata o curso escolar no CEIP Xoaquín Loriga e facémolo cunha gran certeza. Este curso aprendemos a protexer o que máis importa.

Baixo o lema "Coida do clima, coida dos teus" fomos adquirindo un pouquiño máis de responsabilidade , respecto e coidado do noso planeta.

Como broche de ouro a todo este traballo, publicamos a nosa revista O CAMIÑO.

GRAZAS A TODA COMUNIDADE EDUCATIVA POR FACER MEDRAR ESTE PROXECTO.

O EQUIPO DO CEIP XOAQUÍN LORIGA DESÉXAVOS UN FELIZ, SOSTIBLE E MERECIDO VERÁN.  


martes, 16 de xuño de 2026

Benvidos a nosa escola! Xornada de acollida para os novos alumnos de Educación Infantil.

 O comezo dunha nova etapa escolar é un momento cheo de emocións, ilusións e, ás veces tamén de pequenos nervios. Por iso, o martes abrimos as portas do noso centro para recibir cun gran sorriso ás familias e aos nenos e nenas que se incorporarán ao cole o vindeiro curso.

Acompañados pola rapazada que xa está en infantil, os novos alumnos participaron nunhas actividades colaborativas cheas de cor e ledicia. 

Xuntos pintaron unhas cintas de cores coas que despois decoraron as árbores da nosa carballeira.

Ademáis, os pequenos tamén se divertiron buscando e  pintando as súas caras con deseños cheos de imaxinación.

Un momento moi especial da xornada foi cando  os nosos pequenos visitantes e as súas familias puideron escoitar un conto moi especial "O saltón Manoliño", unha historia imaxinada, ilustrada e elaborada con moito agarimo polos nenos e nenas de 4º de Educación Infantil.

E xa para rematar a xornada da mellor maneira posible compartimos unha deliciosa merendola.

Esta actividade non só serviu para que os novos pequenos tivesen un primeiro contacto directo cos seus futuros compañeiros, senón tamén para deixar unha pegada bonita, creativa e simbólica no noso espazo natural, na nosa carballeira.

Vémonos moi pronto para comezar unha nova aventura!










domingo, 17 de maio de 2026

Día das Letras Galegas 2026.Tecendo historias con Begoña Caamaño


Este ano, con motivo do Día das Letras Galegas o alumnado do CEIP XOAQUÍN LORIGA rendeu unha especial homenaxe a periodista, escritora e locutora Begoña Caamaño  (Vigo 1964-Santiago de Compostela 2014).

Nas obras e na vida de Begoña o concepto dos “FÍOS” son o eixe simbólico central que conecta a mitoloxía, o feminismo e a importancia da Nosa Lingua.

Este 17 de maio, queremos que cada neno e nena sinta que, ao falar en galego, está poñendo un fío máis para que a nosa lingua e cultura siga medrando forte.

Este foi o noso punto de partida para organizar a conmemoración do Día das Letras Galegas, tecendo fíos de unión, igualdade e amor pola nosa lingua.

Para presentar á escritora dun xeito atractivo e lúdico,  unha representación de alumnos dos distintos cursos participaron na gravación dun breve pódcast relacionado coa biografía de Begoña Caamaño ( 4º Educación Primaria) e coa organización das actividades a realizar ao longo desta semana das Letras Galegas.

ANÍMATE A ESCOITALO!👇

Partimos así do pódcast e do libro “ OS FÍOS DE BEGOÑA”, para empezar a tecer a nosa propia historia.

                                       FALANDO GALEGO, 

SEMENTANDO IGUALDADE 

e TECENDO HISTORIAS

Os nenos e nenas de Educación Infantil foron os encargados de facer esta bonita portada, como punto de partida do noso traballo.

Educación Infantil


A través dun mural interactivo e artístico exploramos a súa vida e as súas obras, transformando o corredor do colexio nun percorrido de valores a prol da Nosa Lingua.



  • UN FÍO AZUL, que nos falará da súa vida e das súas obras, con frases como 
 
Un faro de palabras para non perder o rumbo do galego.

Begoña teceu os fíos e a RAG garda a voz.

Unha voz que viaxaba polas ondas da radio.

Contou historias para facer un mundo mellor onde a sororidade é moi importante.


1º e 2º Educación Primaria

  • UN FÍO VIOLETA, para mostrar a Begoña Caamaño como loitadora en prol da igualdade e da xustiza, con frases como. 

Corazón violeta, fala galego.

Voar libres co fío da igualdade.

Educación Infantil

  • UN FÍO VERDE, que nos axuda a amosar unha Begoña activista , fiel defensora da natureza e implicada no coidado medioambiental, con frases como,

Historias que florecen en cada páxina con palabras en galego.

Palabras con raíces en Galicia que nunca se perden.

A menciña das herbas é a voz da nosa terra.

Unha lingua que se fala é un bosque que non morre. 

3º Educación Primaria

 O alumnado de 5º de Educación Primaria  elaboraron un decálogo que invita a reflexión, a fin de fomentar o orgullo lingüístico e o uso da lingua propia dende pequenos percibindo o galego non só como materia escolar, senón como unha lingua viva, útil e de prestixio en todos os ámbitos da nosa vida.

                                         DECÁLOGO 
  1. O galego sementa palabras únicas para recoller froitos singulares.
  2. Galego non é medo, galego non é vergoña.
  3. Agasallar aos avós falando galego.
  4. Os xogos da nosa terra sempre deben perdurar, nonos deixes de practicar.
  5. Dalle vida a túa lingua, fala galego.
  6. Se che gusta o galego dalle a LIKE e subscríbete.
  7. Para aprender, para pasear e para desfrutar a mellor lingua é o galego.
  8. Presume do que falas, fala galego.
  9. Música da terra, baile galego marcan o ritmo do noso latexo.
  10. Unidos por unha mesma lingua.

5º Educación Primaria


Os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria engaiolaron a toda a rapazada do cole coa creación de relatos breves que foron contando polas aulas de infantil, primaria e específica ao longo da semana.
Relatos que foron tecendo e forman parte do bonito e significativo mural do noso corredor.

6º Educación Primaria




























E para rematar quixemos facer algo simbólico e dinámico, e ocorréusenos tecer "OS FÍOS DE BEGOÑA" con madeixas de la que pasarían dunhas mans dun neno ou nena a outro/a, á vez que dicían palabras en galego.
Así fomos creando e tecendo a nosa propia historia para conmemorar esta data tan significativa para nós.

 DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
























































E XA PARA REMATAR CON CADA DEBUXO, LECTURA E FÍO QUE CRUZAMOS ESTES DÍAS NO NOSO COLE, DEMOSTRAMOS QUE O LEGADO DE BEGOÑA CAAMAÑO ESTÁ A SALVO NAS MANS DOS MÁIS PEQUENOS.
E O MÁIS IMPORTANTE...

 SEGUIREMOS TECENDO EN GALEGO.

mércores, 15 de abril de 2026

PREMIO METEOESCOLAS EXCELENTES 2024/25.


  Hoxe foi unha xornada emocionante para o grupo de representantes do CEIP Xoaquín Loriga de Prado que nos diriximos á Cidade da Cultura en Santiago de Compostela para participar no Evento de Recoñecemento de  MeteoEscolas e Escolas Verdes Excelente organizado pola Consellería de Medioambiente e Cambio Climático.

Neste acto a nosa rapazada gozou dunha xornada chea de información meteorolóxica, con xogos didácticos e unha chea de agasallos; amais participaron do lanzamento do globo sonda. Escoitaron a información aportada pola doctora en química Déborah García Bello e divertíronse co espectáculo de máxia de Pablo Estévez. Compartíron unha mañá especial con rapaces e rapazas de trinta  centros educativos da nosa comunidade e gozaron coas mostras de felicitación que lles deron os membros da Xunta e do Concello.

Enlace para ver o acto do 10 de marzo de recoñecemento ás MeteoEscolas Excelentes do curso 2024/25.

 https://youtu.be/Vd4BthI1a6M?si=VYOpn4wy0lSnSHQt

https://youtu.be/xpUlIGknLmc