No marco do proxecto Nós Tamén Creamos, o noso centro embarcouse nunha emocionante aventura audiovisual: a adaptación do conto "Coas mans baleiras" de Ana Tortosa & Cecilia Varela, ambientándoo na nosa contorna máis próxima, o corazón de Lalín.
Este proxecto converteuse nunha oportunidade única para que o noso alumnado do ciclo de Ed. Infantil non só coñecera o conto, senón que tamén puidera reinterpretala e darlle vida a través dunha curtametraxe chea de creatividade, identidade e sabor local.
"Coas mans baleiras" é un relato que fala da importancia dos afectos por riba dos agasallos materiais, e do valor das pequenas cousas. Esa mensaxe, tan universal, inspirounos a trasladar a historia ao noso día a día, e que mellor xeito de facelo que vinculándoa cun dos sinais de identidade máis queridos de Lalín: o cocido.
O traballo foi multidisciplinar: dende a lectura e análise do conto, ata a escritura do guión, a interpretación, a gravación e a edición. Cada etapa permitiunos traballar competencias lingüísticas, artísticas e sociais, fomentando ademais o uso activo do galego como ferramenta de creación.
A nosa curtametraxe é unha mostra de que a literatura pode conectar co presente, coa nosa realidade e coa nosa cultura. E que mesmo coas mans aparentemente baleiras, podemos ofrecer moito: unha historia, un sorriso, un prato quente compartido... ou un anaco de cine feito na escola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.